XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

luns, 29 de xuño de 2009

Mañanciñas nos marouzós.

Nos marouzós de Vilarrube, que o día naceu achumbado e pingueiro e non daba para subir á serra, nen para irse moi lonxe. Nen ganas que había.

Para salearse ao pé da marea, baixou do seu refuxio cósmico no Val de Moeche o meu ben querido amigo Xosé Manuel Pita, ecoloxista, gran coñecedor de toda caste de árbore e home bó e xeneroso. Trouxo uns péxegos pavías da súa horta ecolóxica que me refrescaron os recendos e sabores, perdidos nun expositor de supermercado, da froita dalgún tempo.


Aínda na casa, mirei a esta diminuta araña, un xysticus ?, almorzando un moi saboroso verme. Íao chuchando pouco a pouco, deixando a cabeza para o último. Vai xa pola metade. Que lle aproveite.



No areeiro as Centaurium litorale, hoxe abondosísismas, regalan a súa doce beleza salvaxe por todos os currunchos e cómaros. Da gusto ver as campeiras cheas, sonrosándose, cos pés ergueitos da centaurium inzando a terra, a area, da ledicia venturosa das súas cores tenras.


O ourego, Origanum vulgare, recende ao pasar pola súa beira, aínda non se lle roza ou se abanea. ¡ Qué gusto velo levantar polo medio das herbas longas, esgrevias, renacidas no solar recuperado do Sistema Dunar de Vilarrube !. Invadido que fora polos excampistas caraduras. Graciñas, señora Narbona, os meus respetos señor Rafael Eimil.




Andan a deixarse ver as Crhysoperlas carneas, co seu corpo verdazul e as súas alas verdescentes, portando a tranquilidade dun día griseiro e calmo, que ven abrindo, misteriosamente, de vendabal. Parece querer rolar.


Gardado e pendurado dunha bágoa, Briza máxima, un himenóptero, paréceme un escólido e ao mellor do xénero colpa, repousa e de paso asexa, todo canto vai e ven que poda ser gastronómico. A min non me considera comestible. Non estou bon, se coñece.

Linda e para min descoñecida umbela, froitada nun candeeiro de vélas púrpuras, atractivas, que tiran da ollada e levan o ollo a súa beira, querendo desenlorar o aquel da súa beleza antes ca súa exacta descripción científica.


Aí ficaría a miña ollada cravada se non fose o vento das horas que te leva, sen un querere, coma leva ás areas da plaia, de marouzón en marouzón, de herba en herba, de bicho en bicho.

Ata o pé mesmo deste verme, que qué bolboreta será, acordando no alto dunha alta malva, coa folla toda xa papada, despreguizándose na mañá, lento e lene, despreocupado do ollo negro e enorme da miña vella Lumix que logo non chega a enfocalo medio regular.

No mesmo pé de malva, toro abaixo, a uhna parella de Pyrrhocoris apterus, arrequécelles o traballo reproductivo. En Vilarrube son fáciles de ver, sempre que haiba malvas. A Malva arbórea, tiña excelentes exemplares, sobrevivindo cerca do aparcadoiro: ata o ano pasado.

Párome a fotografar este espléndido exemplar de Reichardia gaditana, floreando fora de tempo, conformando un modelo de explosión natural: uhna idea, deliro, do bing bang primixenio.

E ao seu lado, sobrevivindo da invasión rastreira e aplastante da grama americana (dáse coma grama, dise) que se extende imparable sepultando toda canta outra planta  se da no areeiro, catro talos de Ophrys apifera locen, chufonas, as súas últimas flores do ano. Ao mellor da súa vida. Da grama, Stenotaphrun secundatum, dependen. En Vilarrube hai un grave problema coa grama: hai zonas amplas onde nada deixa medrar.




Un Cteniopus flavus anda a pacer pola superficie da umbela dun Daucus carota, hoxe vénse pouco: gustan máis dos días soleados para se deixar ver nas mañanciñas do vrao.

Se non vén o sol, andan agochados debaixo do parasol, entretecidos coa mesta ramallada miuda. Aí hai que mirar para saber deles.


No capullo dunha Reichardia gaditana, arriba alumbrou a súa flor, os Lygaeus equestris afaénanse en darlle continuidade á súa carga xenética; e tan o qué tal que estaban, por certo.

Nas areas da primeira liña de vexetación do sistema dunar, Cakile maritima e Honkenya peploides sobranceiramente, vése mover un pequeno bichiño, abrelado e escorrentado pola enorme humanidade da miña sombra...
... é uhna ninfa, unha noviña vaia, e non anda soa, hai outras. Ao meu parecer son inmaduros, ao mellor de primeira muda, de Euridema oleracea, pois os imagos, os adultos feitos vaia, andan en todos os pés de Cakile maritima.

Presumindo de librea de xastre elegante, que falta lle ha facer na competencia, sempre dura, de conseguir compaña pracenteira. Este é o tempo, para as Euridemas tamén, de se emparellar.

E a iso andan polas pólas e as flores das Cakiles, en cada planta a tres e a catro parellas. A primeira liña de vexetación da plaia de Vilarrube é nesta mañá de xuño un festival do amor libre. O amor nos marouzós: un clásico ao noroeste do Noroeste, ben o saberedes.
Os abellós, dos pouquísimos insectos que se ven voar todo o inverno, tamén voan no verán. Este exemplar era grandísimo, dos máis da miña vida. Arríscome a dar a especie: Bombus terrestris lusitanicus.

Pero non me arrisco con este abellonciño pillado ao vóo: non son quen de determiñalo. Agradeceríanse suxerencias. Mirade cómo, para non o perder, apreta o pole coas patas no intre de botarse a voar.

 
As amplas e abertas superficies das inflorescencias das umbelíferas, son un territorio estimadísimo por grande cantidade de insectos que usan delas como pousadoiro, para paceren ou coma trampa de caza. Así o fai de cotío a araña-cangrexa, Misumena vatia, quen, agochada, agarda aos inxenuos e incautos bichiños. Neste caso un díptero.

Inquedo, áxil e aqueloutrado, este fermoso saltón, ao meu parecer un Chortippus sp., non me deixou facerlle uhna foto con xeito. Mágoa, era ben bonitiño e non o tiña na miña collección de cromos de ortópteros. Conformarémonos de momento con este desleimado rexistro.
E para despedirse de min e deixarme bó sabor de boca, a mañá puxo diante dos meus ollos, tamén da óptica da miña compacta, este fermoso e pouco visto crisomélido, uhna crhysolina, con moitas probabilidades a fantástica Crhysolina fastuosa. Falta a revisión dos especialistas.
E por aí foi rematando a mañá, uhna xornada de fotos coma outra calquera. Resta ainda baixar as fotos ao computador, ordenalas, clasificar as que se podan, escoller algunhas para facer esta entradiña, preparalas para internet, redactar este texto, pelearse co pedestre tratamento de textos de blogger e confiar, finalmente, en que algún de vós as chegue a ler.
Se de algún modo vos gusta, e pasa o tempo sen sentilo, e, se aínda por riba, algo máis se sabe, os días que ocupo entretenido en facer chegar a vós un alento da pequerrecha vida salvaxe, irá moito mellor empleado.
Quedo con vós, moi agradecido, miñas e meus.
 
Apertiñas.

 

3 comentarios:

  1. Hola Rafa, é un placer visitar o teu blog polo ameno é as fotos tan boas e interesentas; vou con bastante frecuencia a Meirás, que por certo encontro algunhas das especies que tes por aquí, unha de elas que tes como ninfa de Eurydema oleracea penso que se trata da ninfa do Cydnus aterrimus, podes vela na miña páxina
    http://www.faunayflora.net/albums/chinches%202/Cydnus_aterrimus_%28Ninfa%29_P1140141.jpg en canto a Eurydema, penso que se trata da Eurydema rotundicollis bastante máis rara que a oleraceum, é que se as veces se atopa na primeira línea da praya
    http://www.faunayflora.net/albums/chinches%202/Eurydema_%28Eurydema%29_rotundicollis_%28Adulto_y_ninfa%29_P1140182a.jpg
    En canto a Lygaeus equestris a mín me parece máis ben Melanocoryphus albomaculatus que é máis pequeno
    http://www.faunayflora.net/albums/Aranhas%2C%20Chinches%2C%20Escarabajos%2C%20Saltamontes/Melanocoryphus_albomaculatus_oo4.jpg
    En canto a Crhysolina fastuosa penso que é un Cryptocephalus
    estas son opinións dun afeccionado sen ningún rigor, de todos os xeitos espero haberche sido de axuda
    Moitas gracias pola visita é os comentarios no meu blog, saúdos

    ResponderEliminar
  2. MOitas gracias José Ramón...aquí quedan as túas precisiós que seguramente van máis fundadas ca as miñas ( as dun afeccionado a todo) Da C. fastuosa tiña moitas dúbidas, das ninfas non tiña, nen teño, outro argumento mási que andaban por alí, a canda as Eurydemas moito as teño mirado e comparado e finalmente decateime por oleracea, pero tampouco andaba moi seguro...en fin...clasificar por foto é moi complicado e todas as suxerencias e críticas e analeses son sempre moi benvidas...eu non quere senon aprender...por aquí andamos, para o que mandes...saudiñas

    ResponderEliminar
  3. La abeja podría ser una Andrena thoracica. Saludos.

    ResponderEliminar