XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

martes, 7 de xullo de 2009

A Esfinxe da Calivera

Sentado uhna mañá de vrao no pouco campo do meu escaso xardín din en ver voar un corpo negro, que polo tamaño pensei si sería un morcego...durante o día?...non!..fun tras del para decatarme de que o que estaba a ver voar, por primeira vez na miña vida, era a mítica e soñada Esfinxe da Calivera.
Os esfínxidos son uhna ampla familia de bolboretas, habitualmente de hábitos noiturnos ou crepusculares. Non son por iso, (pesia o seu tamaño habitualmente grande), fáciles de ver. En canto vermes, prefiren pacer polas noites, escondéndose perante o día: a súa enormidade non pasaría facilmente desapercibidas polos depredadores.


Non son moitas as posibilidades de ver esfínxidos na nosa bisbarra. De feito eu só poiden fotografar a dous deles: a Macroglossum stelatarum, ( ou tamén chamada esfinxe colibrí por libar os zumes das flores aguantándose quietos no aire e estendendo a súa espiritrompa, tal como fan os colibrís: é bastante común e nas seráns de verán dáse a ver con facilidade, chuchando nas flores das enredaderas ), e á fantástica Acherontia atropos, a moi coñecida Esfinxe da Calivera ou Esfinge de la muerte por outros lares.
Coñecida a nivel científico, pois a xente corriente, cada día máis alonxada do coñecemento e máis achegada a alienación, non sabe nen siquiera que existe, e se o sabe é acompañado dun feixe de supersticións, nacidas coma o seu nome do particular debuxo do seu pronoto que lembra dalgún xeito uhna calivera.



Acherontia atropos é un esfínxido grande, que chega a acadar os ¡ 13 cm ! de extensión alar e nalgún tempo foi moi común. Se se sinte atacado ou molestado e quen de producir un desagradable sonido, caso extraordinario entre as bolboretas, que moitas veces confunde, cando non asusta, ao posible agresor. Ten un vóo moi poderoso, chegando anualmente dende Africa algúns exemplares á nosa bisbarra. Outros nacen eiquí das crisálidas que pasaron o inverno enterradas nos campos de patacas. Cando neno era habitual que ao ir coller as patacas aparecesen as crisálidas, grandes e avermelladas, provocando o noxo e a repulsión de todo o mundo: mata iso, que é un bicho. E dabáselle co raño.

Poden verse por iso dúas camadas por ano, uhna a primeiros de vrao que serían os exemplares capaces de sobrevivir ao inverno baixo a forma de crisálidas e a outra a finais de vrao ou primeiros días de outono que se correspondería cos nacidos aquí, ben de exemplares chegados anualmente do sur ou dos que poideran reproducirse na nosa bisbarra, que eu teño ainda por documentar.
O verme é fermoso e espectacular, grande, amarelo con bandas oblicuas verdes e con capacidade para dar uhna trabada se é molestado. Hai anos, moitos anos, regalaronme un, perfectamente conformado, que atoparon nun tarreo de patacas (a súa planta nutricia favorita: daí que cada día se reduza o seu número, ao compás da progresiva desaparición da sementeira da pataca), e poiden salvalo nun bote de terra no que inmediatamente se enterrou, ben ao fondo, para crisalidar. Dalí a un tempo saíu uhna extraordinaria e fermosa bolboreta que poiden disfrutar amodo.
Moitas son as supersticiós e contos de vello que, por cousa do diseño de calivera, se dan arredor deste fermoso e espectacular ser, sendo normal consideralo desavogoso e causante do mal nas casas nas que entra ou se pousa.
Para iso se escribe esta entrada para, sen esquecer os contos, se saiba ver a este extraordinario animaliño dentro das súas coordenadas naturais e científicas e que se é verdade que ten un debuxo que lembra á calivera, que é quen de botar un zume repelente, amarelo e mouguento, ou que ten a extraordinaria capacidade de emitir sons, todas esas raras habilidades non son producto da súas capacidades de meiguería se non tan só fantásticas calidades naturais que observadas como o que son sorprenden e amilagran, divirten e ilusionan máis, moito máis que se fosen cousa de demos, trasgos ou meigas.


E para hoxe pouco máis, agradecervos a vosa compaña e mandar un saúdo moi agarimoso a todos os meus amigos das Somozas que en outubro do 2004 fixeron esta foto para min na compaña da Acherontia atropos que Diego do Abeledo atopara adormecida nalgún puntal da súa serra.

Apertiñas.




Despós de Data: aí vai este achego a correspondente ficha da Acherontia atropos na páxina de Asturnatura. Compensa así a falta de fotos do verme e a crisálida. Os que teñades plantado, ou mellor, collido nas patacas, seguro que recoñecedes inmediatamente á crisálida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario