XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

martes, 17 de novembro de 2009

Míos, úbalos ou pincaouros: Carduelis spinus



Non tardaran, senon andan xa, os míos a voar entre nosoutros: se fose do sur, da Estrada un supoñer, escribiría entre nós. Chamaríalles tamén por iso úbalos ou ao mellor pincaouros. Con estes nomes corre fora de portas o lindo e invernante Carduelis spinus. Que en Cariño chaman cabecita. Cousas.



Da familia dos frinxílidos, a igoal que o xilgueiro ( palabra antiga e de uso común en toda Galizia desprezada polos dicionarios por se asemellar a ela a castelá jilguero: xílgaro é palabra que só se usaba nos arredores de Ponte Vedra; J.L. Pensado e o padre Sarmiento explícano), o xirí, o pardillo o pimpín, o paporroibo real ou o verderolo: a quen se asemella moito, sendo o mío máis raiado e coa cabeciña aduvada con plumas negras e para o meu gusto moito máis lindo.


Os míos son xente que se cría por bandadas, as veces grandísimas, nos grandes bosques de coníferas e mixtos do centro e leste de Europa. Alá veranea, choca, nace e medra. Chegado o inverno móvense por milleiros fuxindo do frío siberiano e véñense as menos fríxidas terras europeas do Sur.

Por acolá se lles ve, pendurados de cotío dos amentos dos ameneiros, pacendo con habelenciosos e simpáticos equilibrios. Os afeccionados ao paxarismo teñen daquela ben limpos os prismáticos para gozala coa contemplación dos recién chegados míos.

Outro tipo de afeccionados andan coas xaulas dos reclamos ben preparadas para pillar algún co que fornecer a súa extraña simpatía polos paxariños que os leva a disfrutar deles pechados en gaiolas de por vida: cousas de humanos, humanidades.

Os míos hai anos que entran en grandes cantidades e outros nos que rarean. Asegún. Agora andan xa entre nós e pódense ver polas beiras dos ríos onde aínda vaian quedando ameneiros; ao redor do Lago de Lanzós non son raros.


A Serra da Capelada é un dos poucos sitios de Galizia, outro a Serra do Xistral, no que se ten documentado a cría do mío. Mirade este enlace do mestre paxareiro de Cariño José Alonso Pumar. http://galicianbirding.blogspot.com/2008/05/de-nuevo-lganos-reproductores.html Todo un privilexio, outro máis, da asombrosa Serra da Capelada.

O exemplar que ilustra estes comentarios está fotografado 0 19 de febreiro do 2006 no lugar de Vilacacín. Extraordinariamente confíado andaba pacendo a non máis de tres metros de min nas sementes dunha herba mantequeira (Senecio vulgaris, con tantos nomes en galegos coma bisbarras hai: ricos que somos, en verbas) que á carón do chan, e o pé dunha casa, floreaba no medio e medio do inverno.

Moito lle agradecín a confianza. Despós de fitarnos un aquel cos ollos, debeu de ver na miña ollada a mansura suficiente para seguir petiscando tranquilamente e alí, ao mellor tamén con máis fame que medo, deixoume facerlle uhna boa xeira de fotos das que estas trinta son só unha pequena mostra.

Que ogallá vos agraden e vos fixeran pasar uns intres calmos e amodos na contemplación amorosa e balsámica da vida natural e ceibe da xente chegada de lonxe a pasar con nosoutros o inverno, confiados en non acabar entre os barrotillos do cagarrón dunha gaiola do reclamo de "amantes dos paxariños"
E desta volta nada máis, miñas e meus, moi agradecido por seguirdes aí.
A mandare.


Despós de data: dei co enlace do artigo de Xabier Vázquez Pumariño que da a coñecer a presencia nidificante do mío na Serra do Xistral. Velaí vai: é moi lixeiro e ha de aproveitar.
http://www.chioglossa.com/fotos/1258537667_i234.pdf

5 comentarios:

  1. Preciosas fotos non é fácil conseguir unhas tomas tan boas e próximas deste preciosos paxaro

    ResponderEliminar
  2. Unha entrada interesante dun paxaro que, dame un pouco de vergonza dicilo, creo que só vin unha vez e nin sequera estou certo (terei que ir pola Capelada este outono-inverno a ver). De momento onte non había rastro deles. Se cadra había demasiada xente traballando na madeira ou se cadra é demasiado pronto.
    Respecto ao que dis sobre os amantes das aves engaioladas, a miña opinión é que hoxe en día coa escasez de vida que hai no monte xa non nos podemos permitir andar atrapando aves para poñelas a morrer de mágoa entre barrotes. Se alguén pensa que por encarcerar aves é un amante das mesmas, entó é que hai moitos psiquiatras desocupados.
    Gracias polo teu artigo e polo blog. Moi ben as fotos.
    Miguel.

    ResponderEliminar
  3. Obrigado con ámbolos dous pola amabilidade das vosas palabras... o mérito, se é que as fotos o teñen, e moito máis do mío ca meu...foi extraordinariamente confíado i eu pola miña banda só me quedei inmovil coma un toureiro...aproveitei a ocasión e coma xa baixaba para á casa gastei a batería en tentar pillalo o melor posible coa miña prehistórica cámara compacta, coa que fixen e fago todas as fotos deste bló...estas non están pasadas polo fotoxó...só reducidas...a mandare.

    ResponderEliminar
  4. Es muy bonito el reportaje fotográfico. El lindo pajarito se lo merece. Moitas gracias

    ResponderEliminar
  5. Moi bonitas as fotos. Puxen o blog como ligazó externa na Wikipedia na páxina "úbalo" para que se vexan as fotos. Por certo, sabes dalgunha referencia publicada en publicacións zoolóxicas ou diccionarios (nos que se identifique claramente o animal) para o nome mío?

    ResponderEliminar