XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 9 de maio de 2010

Euphydryas aurinia, a señoriña.

Bo ano este para a señoriña. Se sempre, afortunadamente, é unha especie común, ben que non moi abondosa, esta primaveira parece que as euphydryas andan a revoar nun número moi apreciable. Unha ocasión especial para botarlles un ollo e desfrutar coa bigarrada farda deste lindo ninfálido.



É o que teñen as bolboretas: sen que se saiba moi ben porqué, un ano con outro, algunha especie presenta unha importante eclosión de individuos. O ano que pasou tocoulle a Vanessa cardui, de seu un ninfálido pouco abondoso, este ano parece ser o ano da Zigaena filipendulae e da señoriña. Hoxe mesmo mirei, nos marouzós da Frouseira, un número importante de ambas as dúas.


O deseño alar da señoriña é unha escaqueada confusión de cadradiños, conformadores dunhas características ondas pardescuras (doncella de ondas rojas, dinlle en castelá) que se van alternando con espazos máis claros que varían dende o laranxa avermellado ao castaño deslaimado, sen desprezar os aduvíos de puntos negros e os espazos brancos.

A variabilidade no padrón alar desta especie, cando menos dos individuos que puiden observar na bisbarra, difiren moi pouco duns a outros, estando as diferenzas máis acusadas que puiden percibir localizadas na extensión dos espazos e na coloración de cada individuo, dende os rechamantes laranxas encendidos aos pardos apagados.

Especie cunha ampla dispersión na rexión paleártica, dende San André de Teixido ata Vladivostok, disque conta coas mellores colonias europeas nas Illas Británicas e na Península Ibérica. De ser así non dubido de que ao noroeste do Noroeste vive unha das colonias máis notables de señoriñas. Os exemplares que ilustran esta entrada, todos individuos diferentes, aseguran que asimesmo debe de ser.

Non se considera en perigo de extinción coma especie en sí, pero presentando numerosas subespecies ao longo da súa ampla área de expansión, algunhas delas, tal a señoriña dos cantís alpinos da Suiza, sí están en estado crítico. Na provincia de Madrid considérase especie vulnerable.


Amiga dos espazos con humidade abondosa, (por iso, por acó), é doado dar con ela non lonxe dos regos dos marouzós, nos bosquetes de ribeira fluvial ou ao pé das fontes, revoando ou chuchando o neitar das moitas flores das que gosta.



A reprodución da señoriña comporta unha orixinal forma social de colonias de eirugas. A femia pon unha importante cantidade de ovos no envés dalgunha das súas plantas nutridoras: succisa, teucrium, lonicera, etc. Destes ovos nacen unhas larvas negras que rapidamente tecen entre todas un espeso niño sedoso no que pasarán as fases de transformación das eirugas, rodeándose as unhas coas outras, para dárense calor (necesitan 35 graos para poder facer a dixestión). Desta mesta seda só saen para alimentarse, retornando de novo ao niño social a dixerir as plantas consumidas. Abandoan o acobillo comunal tan só para crisalidar e volverse bolboreta. Nestes niños sedosos adoitan pasar invernadas os meses fríos do ano.

E eiquí vai rematando a xogada. Coa espranza de que a fermosa e axedrezada señoriña fose do voso gusto e vos permitise, a canda a ela, voar coa imaxinación por riba dos tóxicos vafos cotiáns, xa sexan os fumes dos bares carcinómicos ou os dos máis velenosos, para a intelixencia, aires informativos da televisiva salita, hei de ir polo de agora deixando xear, quedando con vós coma sempre, miñas e meus, moi agradecido.

A mandare.


Nota marxinal: efectivamente a denominación de senoriña para a Euphydryas aurinia é unha aportación particular. A nomenclatura en galego dos nomes, alí cando o autor non as chimpa, adoita frecuentemente traducir directamente do castelá para o galego. Así anda por aí a denominación de doncela de ondas roxas na que é difícil observar algo diferente a unha castrapada traducida. No canto prefiro arriscar e argallar. Señoriña, paréceme, é un nome ben lindo e cariñoso, no que ao mellor ecoa o francés Damier des succises e para nós, os de Cedeira, é un termo preñado de graciosas lembranzas médicas. Tamén por iso coma unha homenaxe respetuosa ao sen par médico Don Juan vai arrimado este nome. Con afecto.

5 comentarios:

  1. Ola Rafael!

    Interesante entrada no teu blog, parabéns!. Sobre os nomes de lepidópteros en galego, engadir que algunha especie ten nome popular, como Iphiclides feisthamelii (galo).

    Para Euphydryas aurinia, gústame "señoriña" ;)

    Atentamente,
    Damián

    ResponderEliminar
  2. Como ven dís o ano pasado fói a eclosión da Vanessa e este tocoulle a Señoriña (gustoume o nome) este ano xa le levo feito unhas poucas, ainda onte estaban pousadas na herba chorreadas ca auga da choiva, saúdos

    ResponderEliminar
  3. Obrigado con ambos, meus...alédame que agrade o nome de señoriña...ben sabedes que teño a teima de tentar axudar á rexeneración da lingua galega no ámbeto naturalista...que pesia as crenzas do señor Núñez (no sei porque lle hei de chamar Feijoo) atópase senon na UVI si na UCI e fanlle falla todos os mimos, ñáñaras e agarimos que os galegos de ben lle poidamos dar...dende logo sempre que saiba dalgunha palabra tradicional usareina, así es que, Damián, moi agradecido polo galo, que non coñecía...o que sí sigo e a vosa páxina de herpetoloxía galega que anda infectada, paréceme, do mesmo virus rexenerativo ca esta do noroeste do Noroeste...Apertiñas.

    ResponderEliminar
  4. Preciosas.

    http://unpaseomanchego.blogspot.com/2010/05/la-doncella-de-ondas-rojas-una-obra-de.html

    Espero te gusten.

    Saludos.

    ResponderEliminar
  5. Xa me dei o paseo manchego... gustáronme as fotos e o bló...moitas gracias polo teu comentario...agradécese que dende a Mancha se mire o noroeste do Noroeste.
    Saúdos.

    ResponderEliminar