domingo, 20 de febreiro de 2011

Campanula rotundifolia, outro arruallo noso.

 Unha das alfaias botánicas das que o noroeste do Noroeste pode arruallarse coa cabeza ben outa, unha desas xoias raras e escasas de fermosura definitiva é  a linda flor azulina que vai decorando estas líneas: a Campanula rotundifolia, rotundifolia, a campaíña dos penedos.
 A Serra da Capelada, en moi contados puntos e cada día máis espaleados, é a única zona da Galizia (Xosé Ramón García, Guía das plantas de Galicia, Vigo 2008), na que alumbra esta lindura silvestre que cada vez que se ten a fortuna de mirar, enche para sempre o líquido fondo do ollo cun mar de relembranzas que non han de poder ser esquecidas.
Tal, polo menos, lle pasou a un servidor que tropezou con ela, como con tantas outras, camiñando á ventura dos intres nunha serán do vrao polos esgrevios montes capelados, sen buscar nunca nada, pro encontrando sempre moito: xenerosidades que a terra arrotreba  dá a quen por ela amodo vai.
Todos os anos, dende aquel serán de xullo, agardo ter a fortuna de poder botarlle un ollo e regalarlle aos meus arquivos fotográficos (esa paixón por rexistrar un mundo que sei que se nos vai a pancadas dunha estupidez que cada día se certifica máis crudamente) algunha outra mostra da existencia, da pervivencia, de tan valiosa alfaia ártabra, requintada xoia do tesouro botánico galego, que, entre escuras nebras de maltrato, esquezo e iñorancia, se garda unicamente na arca da Capelada.
Pro só doutra volta puiden dar con ela. Tristemente estes novos e poucos pés, arrexuntados e prendidos ao pé dunha desas abundantísimas pistas inútiles (non sendo para o beneficio de quen as abre) desapareceu ao ano siguiente, non sabería dicir eu se por cousa do repentino namoramento dun humano  que  de cotío demostran o seu amor cortandoias;  se por cousa dos coñecedores especialistas que saben moi ben donde han de ir  buscar as especies que andan a  faltar nas súas colecciós ou nos seus herbarios; ou por cousa de que a todos nos chega a hora biolóxica. Certificando con estas imaxes a súa sana  vizosía, o sentidiño, esa outra rareza, permite descartar esta última opción.
A campaíña dos penedos é planta perenne (Xosé Ramón García, dixit), con rizomas horizontais dos que nacen os talos floríferos. Posúe follas basais acorazonadas, pecioladas e pequenas, e follas caulinas alternas e lanceoladas. Gusta de florear na forza do vrao, sendo xa que logo as datas centrais do estío as mellores para poder botarlles unha ollada.
Non sei se será  información pertinente lembrar que a sinatura dos describidores desta especie leva o nome dos moi coñecidos botánicos GUITIÁN & al. 1985; SOÑORA & al. 1995; CASTROV.(Coord.) 2001, o que se quere deixar rexistrado nesta páxina coma homenaxe de sentido e agradecido recoñecemento a todos eles, e a tantos outros científicos galegos, por abrirnos as portas ao coñecemento  da nosa propia casa, o noroeste do Noroeste.
Desfrutade respetuosamente coa contemplación,  na flor da terra,   deste valioso taxon botánico. Encher o peito coa satisfacción de saber que son unha exclusividade, no que a Galizia se refire, das terras de serpertiniña da Capelada. Pensar que poden quedar con nós para sempre se sabemos coidar o monte e non deixamos esbandallalo. Imaxinar que ao lado de tantas outras fermosas alfaias ártabras son a seguranza económica do turismo do futuro, se non o son xa do presente. Recoñecer o estado crítico, de arrolo sen freos rumbo ao escidio, no que viaxa a Serra da Capelada. Asumamos que temos a obriga de gardar,  traspasar  e mellorar o legado que a nós nos deixaron. Teñamos sentidiño, esa especie mental tan rara de atopar.
Restan polo de agora moitos outros, requintados e escasos, especímenes capelados, xa botánicos, xa faunísticos, por darse a coñecer neste o voso bló. Algúns, como era o caso desta campaíña, turran dende hai tempo por lles dare acollida, outros andan aínda no monte sen ter rexistro adecuado deles, Huperzia selago, por exemplo. Os días son poucos e os trafegos moitos. Así é que se vai facendo camiño ao teclear, e aos poucos, con máis pausas que présas, imos estendendo o que imos aprendendo, coa certeza italiana de que qui va piano, va lontano.
Moi agradecido miñas e meus, a todos vós, aos que me ledes, aos que me mirades, e, moi especialmente, aos que me comentades.
Quedade con Natura, xente.
A mandare.


Imos ver se dei amañado os problemas de enlace cos achegos:

Unhas excelentes fotos da campaiña dos penedos, a canda a outras xoias botánicas galegas,  aparecen nesta  "Contribución a la iconografía de la flora vascular de Galicia" de J.L.Camaño, publicado en Boletín BIGA 2007, e accederedes a elas premendo  Acó .

Unha fermosa lámina clásica na páxina da Wikiespecies poderedes  vela, premendo Acolá.

E aínda un bon  lote de excelentes fotografías neste achego da güeb dos BIGA (Biodiversidad en Galicia) apareceran diante dos vosos ollos con so premer eiquí.



VideosMínimosdoNoroeste
Maretada no Porto de Cedeira


4 comentarios:

  1. Olá Rafael,

    Um documento magnífico!
    Apenas comentar que a Campanula rotundifolia também a temos em Carvalheda de Val d'Eorras, não mui longe dos altos de Trevinca.

    Uma aperta

    ResponderEliminar
  2. Moi boas Miguel, moi boas...gosta verte por acó

    Xa me parecía a min que a campaíña debería de darse por Ourense, pois no achego de J.L.Camaño que engado arriba, aparece o mapa de Ourense coloreado, santo e seña de darse tamén por aí, pro como a confirmación do dato non a atopei en ningures, e a precisión da bisbarra moito menos, preferín tirar dos datos sabidos e chufar de botánica local.

    Alédome de terme confundido, pois agora sei que esta fermosa campaíña alumbra na comarca do Val dos Orras, terra que se todo vai ben este ano penso ir a visitar, para ver o mundo dende o outo das súas serras, e ao mellor a rotundifolia aparece e faime sentir na casa.

    Vou ir este semá polo Rodo a botarlle un ollo ás camariñas. Sei que hei de volver atristado. Contareiche.

    Unha forte aperta.

    ResponderEliminar
  3. Encántame esta reportaxe floral, Rafael. As campaíñas e o lugar onde medran son toda unha terapia para os ollos. Eu topei esta fin de semana amarelles salvaxes nun lugar rodeado de obras e de entullo. Un pequeno gran milagro na periferia urbana. A nosa terra é pródiga en milagros, non si? E ti ben se ve que sabes onde ir buscalos. Un saúdo marabillado.

    ResponderEliminar
  4. Olá Orola...moi obrigado por tan balsámicas palabras.
    Amarelles bravos andan xa a florear tamén por acó, o narciso de inverno, N.tazzeta, va vai pasando e encetan a alumbrar nas campeiras os N. triandus, xa vén a luz.Falta fai.

    Para atopar estas fermosuras só hai que andar polo monte, con calma e moito respeto, e non preocuparse, elas darán con un.

    Certo que a Galizia é unha marabilla milagrosa: esquecida de sí e maltratada por tantos, moitos galegos os primeiros, logo de mil anos de historia no inverno, aqui está, lucida e vizosa disposta a florear na primaveira. Ha de chegar.

    De saúde saudiñas, poeta.

    ResponderEliminar