XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

venres, 4 de febreiro de 2011

Escribidores da neve nas campas.

Entre as campías da Herbeira, para sermos precisos. Soubera deles pola boca verdadeira do Miguel Fernández, quen coñecía a súa presenza no alto pola sabia e ponderada voz do Ricardo Hevia, mestre paxareiro de Cariño, insigne vixía de toda xente de pluma e froixel que vén a nos visitar ao noroeste do Noroeste: con dicir que citou e fotografou ao abellaruco nas Forcadas imaxínase todo.



Principie a camiñar polo reborde do cantil, imaxinando que se non era quen de dar cos Plectrophenax nivalis, mellor dicir de daren eles comigo, cando menos desfrutaría do fermoso e conxelado día e das espectaculares e sobrecolledoras vistas da máis fermosa e esgrevia costá Ibérica: a patria dos arrotrebas, o solar dos lapatiencos, o Descantil da Capelada.

E sempre, pensaba, aparecerá algo que ver e na contemplación do que podería demorar o paso das horas dos días. Unha bisbita, supoño que será Anthus trivialis (que se de paxariños ando con asignaturas á rastro, de bisbitas teño todo suspenso), ollaba para min, desconfiando, dende unha non prósima penedía de serpentiniña, vestida, como todas, cunha farda completa de liques pardos e esbrancuxados.
Aparecían algunhas esclerodermas, abertas, coas esporas xa evacuadas, semellando bocas de terra que se asombrasen do meu pasar. No seu adentro un arquipélago de gotiñas de orballo profetizaban para o mencer unha pequena tona de branca xeada.

Aló embaixo, no fondo fondal do mundo, a negra Pedra do Cadro, enorme e sen par cristal de dunita, kaaba misteriosa do Ortegal, chamaba polos meus ollos, coma tantas veces, coma sempre, lembrándome silandeira e doída, que hai moito que non baixo a vela, e que entre amigos, non chega cunha visita ao traverso do longo zoom dunha cámara dixital compacta. Se podo baixerei, prometinlle.

Aledoume o serán a visión, inesperada e asombrosa polo cedo, da primeira xanzá do ano, Gentiana verna, que despuntaba entre as herbas do reborde o primeiro gromo azul anil, teso e lanzal, anunciando sen medo a chegada certa e prósima da primaveira.
Para leste, abríase o mundo cantábrico, desenvolvíanse os cantís de Loiba e as súas plaias de sombras, e mirábase ao lonxe o muro nuboso do vento. Perto, dos ollos e do corazón, o Porto de Espasante locía a luz das súas casas discutindo de brancuras coas areas da ribeira. Ao meu pé, as rubias vacas galegas pacían amodo, mansamente, alonxadas do mundo e dos meus desvelos, que xa para daquela non agardaban ver os escribidoros das neves, pero de repente...

...¡alí estaban! Pacendo nos pequerrechicos graos das gramíneas que medran entre as herbas do pastizal. ¡Aleluia! ¡Unha ilusión cumprida! ¡Plectrophenax nivalis! ¡Ao fin!
Un pequeno grupo de oito exemplares levantouse, alumbrou o ceo coas súas azas brancas e á miña ilusión agasallouna cunha visión magnífica, posuída de todo o candor, o nerviosismo e o azoramento das primeiras veces.


Revoaron, fixeron que se marchaban para o Limo, puxéronme intranquilo, deron volta, amitaron que se pousaban, ascenderon cara a Herbeira, retornaron, revoaron e revoaron ao meu redor e ao das vacas e, por fin, apousaron nunha valiña do pastizal, non moi lonxe de onde eu estaba, mudo, pampo e quedo, coma Don Tancredo.

Pouco a pouco, pasiño a pasiño, aquela estatua vivente que era un servidor, ausente de todo, esquecido do frío que o conxelaba, das lamas que o anagaban, e do choiar das choias que chamaban por el, foise achegando lenemente a eles en canto os escribidores desaparecían entre os turrós de herba; parado e inmóvil, coma un pelouro do prado, en canto saían a me mirar.

E así, con velocidade de eiruga, funme achegando e desengañándoios: aquela cousa de aspecto humano non era un problema. Puiden ir achegándome a eles, con minutos de quietude e conxelación, ás veces deitado nas húmidas herbas da lama, deixándome ver un pouco, facéndolles algún video ca outro e ollándoios ir e vir incesantemente, labourando entre as herbas na rebusca da diminuta graíña, nunca quedos, non sendo para ollarme un chisco e gañaren confianza. Así, pouco a pouco, viñéronse vindo a min e eu funme indo a eles, e quedamos frente a frente, a non máis de catro metros, falándonos cos ollos durante todo o tempo en que puiden aguantar o frío, que me deixaba os dedos gafos.

Desculpádeme esta demorada descrición do contacto cos escribidores. Ao mellor entendedes mellor a miña fascinación se vos conto que hai moitos, moitos anos, un deles deixou a miña ollada engaiolada para sempre cando rompeu a voar, ao meu pasar, ao ladiño, dende as pólas dun salgueiro, baixando eu ao peirao de Teixidelo. ¿Pero que demos era ese pardal branco? Era Plectrophenax nivalis, pero eu daquela nada sabía deles; nunca os volvería a ter, fisicamente, tan perto de min. Ata este pasado serán da Candeloria no alto do Monte da Herbeira.

Os escribidores das neves son xente que cría e pasa a maior parte do ano, no lonxano Círculo Polar Ártico. Son de feito o paxariño que vive e aniña máis ao norde de todos. As colonias de cría máis cercanas ao noroeste do Noroeste, e tampouco moi numerosas, disque se dan nas lonxanas costás das higlands escocesas, nas montañas de Cairngorms. Cítanse algunhas pequenas poboaciós pola Cordilleira Escandinava e en Alaska.

Sendo como é un migrador parcial, chegado o inverno, as poboaciós móvense cara ao sur e baixan ata as terras da Europa Media e as costás inglesas. Só un contado número de exemplares baixan máis e aparecen polas ribeiras cantábricas, onde é normal, pero moi raro, poder botarlles un ollo. Dar con eles máis alá da fronteira cantábrica é todo un suceso ornitolóxico.

No Alto da Herbeira son de presencia anual constante, case que sempre en bandadas coreñas en número. Pro no ano 1996, (cóntase no lindo e eufórico folleto "Cariño. Santuario de las aves" editado polo Concello de Cariño e no que eu sinto a mao escribidora, e coñecedora, do Xosé Miguel Alonso Pumar, titular do bló "Galicia Birding", ese maxisterio) localizouse un bando de 53 exemplares, o que, di o folletiño, "probablemente representa la observación más cuantiosa de esta especie en España".
Habitantes habituais das tundras árticas, ten unha grande querencia polo monte rapón, sen árbores. Os exemplares que arriban no inverno as costás do norte da Península Ibérica amosan unha notable preferencia polos sistemas dunares, sendo numerosas as citas de exemplares vistos polos marouzós. O ano pasado chegaran unha pequena banda de cinco exemplares a invernar entre as pedras do espigón do porto da Coruña. Malpocados. Os gatos que por alí andan foron dando conta, lenta pero firme, de cada un deles. Gatumanos, pois.

De seguro os escribidores da Herbeira non han de ser merenda de gatos. Pesia a non andar petiscando moi lonxe da Serra ou Espiña dos Gatos, estes, fosen lobernos ou monteses, hai xa moito que non se ven por acolá. De que eu saiba.

A farda que presentan estes exemplares difire duns aos outros. Algúns, mírense as primeiras fotos, son máis brancos de cabeza e mesmo de corpo. A miña iñorancia non me permite saber se é cousa de sexos diferentes, de idades diferentes, ou de diferentes cambios do aspecto cara a prumaxe de vrao.
De seguro quedarán unha tempadiña por acó e ao mellor calquera día volvo ao alto para chuscarlles un ollo. De momento confórmome coa demorada observación a pé de herba que puiden facer.




Deime a volta con présa, que o día entraba no luscofusco, apurando o paso, as maos nos petos por ver de quentalas, tollidas como andaban polo frío, e daquela, sen querer, dei de novo coa mámoa da Herbeira que hai xa vinte anos descubrín no reborde do cantil e que publicara meu estimado amigo Emilio Ramil, arqueólogo cariñés, e que ao ir para alá non mirara, ocupada a miña ollada na rebusca dos escribores da neve.




E no solpor do sol fun indo cara á Garita, repenicando o paso, ledo, felís coma un perdís, o peito un fardel de ledicia rebordada; nen a friaxe, nen a xeada, nen a noite que se viña existían, só a memoria do vivido e o saber que para sempre a arca das lembranzas levaba aos escribidores cautivados, e eles a min engaiolado.

Remato no punto agradecéndovos, coma sempre o tempo ocupado na lectura deste blo. Abaixo da última foto, dei en facer o experimento de subir un pequeno video que puiden rexistrar ese serán nas campas da Herbeira. Ogallá a miña torpeza dixital deixe correr libremente os fotogramas e sexan do voso gusto.

Apertiñas, miñas e meus.

A mandare.


VideosMínimosdoNoroeste
Escribidor das neves na Capelada
Despós de data: Escribín arriba abellaruco, Merops apiaster, e houbo quen, en privado, me preguntou se esa era a palabra galega ou dábase o caso de andar eu escribindo en castelán traducido. Para o fermoso e rechamante Merops apiaster, hai recollidas as seguintes acepciós, no impagable Dicionario de dicionarios coordinado por Antón Santamarina: meixengra, a palabra de referencias máis antiga pois cítase no Diccionario gallego castellano de Javier Rodriguez de 1863 (meigengra) e tamén no Marcial Valladares de1884 (meijengra). No dicionario de Francisco Porto Rey de 1900 vén abellaruxo (abellarujo), no Dicionario de Filgueira Valverde e outros de 1926, aparece abellaruco e meixengra, no Carré Alvarellos abelleiro e meixengra, acepciós que son recollidas logo pola maioría de colecciós de voces galegas. Aníbal Otero, nas súas hipóteses etimolóxicas (1960) recolle abelharice, aparecendo a voz chincheiro na edición do CArré Alvarellos de 1971. Finalmente, Eligio Rivas Quintas (2001) recolle aínda as seguintes: almixendro (por Estevesiños), ferreiro abelleiro (por Guitiriz) e milixendra polas Terras do Bolo en Ourense. Donde escoller hai, saibase.

6 comentarios:

  1. Precioso traballo, Rafael. Aves polares buscando acubillo na nosa Terra. Menos mal que hai un vixía permanente para quen o fenómeno non pasa desapercibido.
    Coñezo as propiedades terapéuticas da xenciana, pero nunca tiven o privilexio de ter unha diante dos meus ollos, só fotografías. A tintura de xenciana é remedio santo para as quenturas dos beizos, que se non se tratan ben poden deixar marcas indelebles.
    Es unha persoa moi afortunada por vivir onde vives e ser consciente do teu privilexio. Grazas por contarnos as túas andainas ventureiras.

    ResponderEliminar
  2. Obrigadísimo...unha ledicia saber que gustaron...imos ver se se vai tomando consciencia da riquísima biodiversidade da Galizia, e particularmente do noroeste do Noroeste, ... que por certo posúe dúas variedades de xenciana, esta de primaveira (G.verna)e a de outono (G.pneumonante)... non coñecía das propiedades menciñeiras destas xanzás, sí das propiedades terapeuticas e tónicas da Gentiana lutea var.aurantiaca, que se da nas montañas do Courel e dos Ancares, de tamaño considerable e espectacular floración amarela-ouro, a raís da que úsase para facer bebidas amargas, tal o bitter.
    Toda Galizia, toda a Terra é un privilexio par ser vivido...é verdade que as Rías Baixas están moi tocadas e esbandalladas, pro antes do inmoral e delictivo delirio urbanizador, eran un paraiso engaiolante. Eu tiven o privilexio de coñecelas e vivilas cando aínda tiñan ese recendo: teño un anaco do corazón barbansiño. Agora rosman coma os remuiños delirantes e cheiran a diñeiro fácil e a carto negro.
    Pro pesia a tanta desfeita como vai feita, aínda teñen currunchos e territorios fermosísimos. Disfrutémolos e saibamos deixalos, amellorados se se pode, as xeraciós vindeiras.
    Obrigado eu con vós por estar aí e darlle sentido ao blo.
    Saúde e sorte.
    Saudiñas.

    ResponderEliminar
  3. Hola:
    Encantoume o relato, e como non, as fotos, fíxome recordar o ano pasado cando puiden ver a Píllara rubia no mesmo sitio, tamén gracias ás mesmas fontes. Incrible a confianza que demostran ás veces para deixarnos acercar tanto, o máis seguro é que cheguen tan cansados que esperen ao último momento para emprender o vo, pero gústame pensar que saben que imos de boa fe. Estes, pois igual os teño visto algunha vez, porque de identificación de paxaros teños máis asignaturas pendientes que ti seguro, pero teño bastantes videos de paxarada da zona pendientes de identificación (e publicación), igual ata hai sorte.
    Esta Capelada nosa sempre sorprendéndonos, cada día vendo algo novo, amosando algún segredo máis. E moitos máis que estarán agachados polos cantís máis impracticables, ou polas fragas máis peadas(non me chega ben o peito para meterme a andar a feito a de Nebril).
    Gato montés, non teño probas de que o teñamos, ás veces disque se ve algún "gato pardo" grande en sitios moi alonxados das casas, podería ser... E o loberno, home, sería ciencia ficción, pero tampouco da máis descaballeda, que postos a soñar , que quedara alguna familia aló aíllada polos cantís verticais do limo, papando nas cabras.
    A ver si un destes días me fago o tolo e podo escapar a ver se dou visto aos escribidores estes.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  4. Boas Juanma...andei pola Chá desconectado e facendo fotos, por iso non metín antes o comentario, desculpas, prego.

    Gatos pardos e non era de noite? O montés pode ter tonos caféconleite e disque nas Fragas do Eume haino, así é que eu non descarto que se poda ver pola CApelada... eu non sei recoñecer os seus rastros, que me parece a mellor maneira de testimonialo... de botarlle un ollo non teño nengunha espranza e ao loberno menos que nengunha.
    Dalle duro ao estudo e nun descanso sube eses videos.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  5. Boas,

    Magnífico documento Rafael. Esta especie é sempre unha gozada atopala, xa sexa nas campas da Capelada ou nas dunas dunha praia. Ainda lembro aquel bando infinito do ano 96, que "os cariñeses" desfrutamos durante xornadas e máis xornadas. No 94 tiñamos visto un ánsar piquicorto neses mesmos pasteiros...

    Como di Juan, a serra é magnífica pola súa localización e altitude. Moitas aves que veñen migrando do alto norte atopan esta mole de pastizais como primeiro faro ó chegar do mar agotados. E alí paran unhas xornadas, e repor forzas. ¡¡Qué sorte temos !!.

    ResponderEliminar
  6. Olá José MIguel...moi agradecido polas verbas e por entrar a comentar este artigo...sempre é unha ledicia que un mestre paxareiro ilumine este bló cos seus comentarios, pois, certamente, se non fose pola laboura de garda, observación e comunicación que facedes o Ricardo e tí, un servidor sabería, de paxarada, a décima parte do que sabe.
    A ver se segue a sorte e este ano dou rexistrado aos merlos de peito branco
    Ben sabes que botamos moito de menos as ensinanzas e leceres do teu bló, fai o favor, aínda que só sexa de cando en vez.
    Un saúdo mestres, (pásalle os meus recoñecementos ao Ricardo).

    ResponderEliminar