XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

venres, 27 de abril de 2012

Flufenoxurón


Flufenoxurón: velaí unha horrura de  palabra baixo da que se agacha unha realidade aínda máis escura.

Flufenoxurón é o nome polo que se coñece a un producto químico  velenoso que se usa como pesticida pola industria madereira e que dada a súa  toxicidade e perigosidade pra a saúde humana está  en moratoria pola Unión Europea, en base aos estudos e recomendaciós da Axencia Europea de Seguridade Alimentaria.(Directiva 91 / 414 / CEE e RD 255 / 2003)...¡¡ e vai ser prohibido definitivamente o 1 de agosto deste ano!! según ordena o Diario Oficial da Unión Europea en decisión do día 2 de febreiro deste ano 2012. (Texto da orde) 

Flufenoxurón é o compoñente esencial de Cascade, producto fitosanitario que se ten utilizado pra combatir ao Gonipterus scutellatus, as larvas do que mantéñense das follas do eucalito.


Flufenoxurón non é un insecticida espefícico pra combatir ao gonipterus, se non un xenérico biocida de amplo espectro que acaba con moitas outras formas de vida artrópoda.

Flufenoxurón vai ser utilizado masivamente  (calcúlase un mínimo de 50.000 litros de fLufenoxuron e auga) entre as plantaciós de eucalitos galegos, por parte da patronal da pasta de papel (ASPAPEL) e a Asociación Forestal de Galicia coa colaboración da empresa multinacional petroquímica BASF, e o asentimento da Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes, da Xunta de Galicia, nunha campaña que está a piques de comenzar e que conta coa colaboración inmediata do Concello de Melide.

Flufenoxurón será usado mediante un método  tan pouco preciso coma diseminador da súa toxicidade tal cal son as ¡¡fumigaciós aéreas!!. ¿Onde quedan logo as campañas de loita biolóxica co himenóptero Anaphes nitens das que tanto se ten presumido e que están a usarse en Asturias e Cantabria?


Flufenoxurón asegúrase así a contaminación dos solos, dos acuíferos, de toda vida animal que ande por baixo, das fincas veciñas e, mesmo, non asegura que non contamine as persoas dos núcleos rurais prósimos. A Apicultura galega, ese sector que ten consolidado unha posición de prestixio no mercado, ve perigar certamente as súas colmeas e abellas, dado que se ten pensado fumigar boa parte do país. De rebote, as posibilidades de polinización de boa parte da agricultura galega desaparecerán. S.O.S.


O método de traballo de tan preclaros usuarios e publicistas dos pretendidos usos inocuos e bondadosos do flufenoxurón é ben sinxelo: 1) Contar coa connivencia e colaboración dun concello afín  2) Que coloca bandos informativos públicos e  envía aos propietarios de montes unha circular, suxerindo a obligatoriedade, na que se diga que "deberán pasar polo Departamento de Medio Ambiente, para informarse e dar a autorización correspondente" e apuntar as súas parcelas pra  seren fumigadas gratuitamente. 3) Fumigar. (Bando do Concello de Melide)


Así é que...

A Plataforma contra as Fumigacións nace como unha reacción consciente, sensata e democraticamente sana da cidadanía pra deter este monetariamente  interesado despropósito tóxico. (Manifesto da Plataforma)

 Na Plataforma contra as Fumigacións  vén de callar e consolidarse unha ampla representación social que poderedes ollar neste achego.

 A Plataforma contra as Fumigacións  xa ten andado con premura e acerto os primeiros pasos pra conquerir deter este sensentido natural de moi dubidosa legalidade presentando nos xuzgados de Santiago e diante da fiscalía de Medio Ambiente a correspondiente denuncia. (Texto completo da mesma)

A Plataforma contra as Fumigacións  ven de iniciar unha xeira de actividades online de recollida de firmas dende a coñecida páxina de activismo social na rede Actuable.es pra facerllas chegar a ASPADEL.  Infórmate e actúa.

 Á Plataforma contra as Fumigacións denegaselle  (¡¡toma Real democracia!!) unha manifestación este vindeiro día 29 en Melide, co burocrático e moi  pouco utilizado argumento, se non convén, de non se presentar a solicitude dentro do prazo. A pesares de todo a convocatoria segue a se manter como actos lúdicos da VII Folíada de Melide que se celebra ese mesmo día 29. O noso blo dende acó xa está alá.

A Plataforma contra as Fumigacións  solicita a colaboración de todos os cidadáns e cidadanas conscientes pra facerlles chegar informaciós sobor dos actos "informativos" que os promotores das fumigaciós teñan pensado realizar nas vosas parroquias e concellos.

A Plataforma contra as Fumigacións, finalmente, seguro que agradece calisquer empurronciño de difusión dos seus propósitos e actividades. Son, coma todos, xente sana que quere seguir sendoio. Que sexa por moitos anos e vostedes que os conten.

O mesmo agradecemento que vos amoso eu a vós, miñas e meus,  por seguirdes aínda ahí, ao outro lado da pantalla de sílice, soportando, dando soporte, a este bló. 

Sei por iso que outros menceres, máis limpos, máis claros, serán posibles.

Apertiñas.

A mandare.


Nota marxinal: Esta entrada está feita pola vía da présa, ao enteirarme casualmente na tardiña deste día venres 27 de abril dos plans duns e doutros. Non podía este blo permanecer calado diante da sospeita escura (¿para cando a transparencia  política?) de que para dar saída a un stock acumulado dun pesticida, que xa mesmo vai ser prohibido, se nos utilizase aos galegos e galegas e a nosa saúde como aliviadoiro evacuatorio das urxencias intestinas de gañancia fácil dunha transnacional. Para máis o tema aféctanos directamente as xentes e montes do noroeste do Noroeste, cerne  da República Eucaliteira, que de seguro non estaremos fóra dos plans de fumigación. Preparede a vosa posición. Se os plans  van adiante, sempre poderemos dicir que non nos están a fumigar con tóxicos pesticidas, se non regando con agradables aspersiós de olorosa auga de colonia alemana. Mundo Feliz, Richini dixit.


Achegos, para saber moito máis:
a) Plataforma contra as Fumigacións: manifesto, accións, membros, apoios, mapas de fumigacións...etc toda a información a distancia dun clic.
b) Páxina da Asociación Galega de Apicultura. A indignación xusta.
c) A páxina do Sindicato Labrego Galego. Acó.
d) Información na páxina de Verdegaia. Entrar.
e) A opinión e accións da Sociedade Galega de Historia Natural.Ir.
f) A noticia en Galiciaé. Premer
g) A noticia na Voz . Ollar
h) A noticia en Actualidade Ibérica. Premer
i) Web da Asociación Forestal de Galicia. Ver
k) Web de Aspapel. Entrar.
l) A noticia no País. Acó.
m) Por si tes interés en enviarlle un atento mensaxe a Alcaldesa de Melide.Preme

Ningún comentario:

Publicar un comentario